20/4/09

LETRAS GALEGAS 2009 - RAMÓN PIÑEIRO

día das letras galegas
O legado de Piñeiro protagoniza a primavera literaria en Galicia
Galaxia, o selo do que foi director editorial, recupera títulos históricos como «Filosofía da saudade»

Reedicións dos seus libros e estudos sobre a súa obra anticipan a celebración do Día das Letras Galegas

Autor:
Luís Pousa
Fecha de publicación:
20/4/2009
Ramón Piñeiro (Armea, Láncara, 1915-Santiago, 1990) foi unha desas figuras decisivas na historia recente de Galicia que, quizais por esa proximidade temporal, aínda non foron recoñecidas debidamente. Acusado por un bando de ser demasiado brando e conciliador e clamorosamente ignorado por outros, o seu labor na recuperación da cultura galega, nos escuros tempos da posguerra e nos inicios daquela preautonomía na que todo estaba por armar, foi crucial. Ao dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas ao autor de Filosofía da saudade , Galicia cumpre con esa débeda moral que esixía reivindicar, dun xeito diáfano e definitivo, a un intelectual que, entre outras cousas, contribuíu ao uso do galego no ensaio, un sopro de normalidade ata entonces case inédito.
O selo do que foi director editorial, Galaxia, e no que publicou practicamente toda a súa obra, é o que fai esta primavera o maior esforzo, ao reeditar a súa obra e ao publicar novos estudos que permiten achegarse á súa figura desde moi diferentes perspectivas. Xa se poden atopar nas librerías, explican desde a editorial Galaxia, Vida e obra de Ramón Piñeiro , de Beatriz García Turnes, unha aproximación ao legado de Piñeiro en forma de biografía e antoloxía. Tamén acaba de reeditarse o seu lendario ensaio Filosofía da saudade , un título fundamental para coñecer a profundidade do pensamento piñeirista, e Galicia , texto do autor acompañado nesta ocasión con imaxes de Vítor Vaqueiro.
Galaxia publicará ademais, antes do 17 de maio, outros catro títulos de e sobre o autor homenaxeado: Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1990) , de Ramón Piñeiro e Basilio Losada; Ramón Piñeiro. O espertar da conciencia galega. Galeguismo, cultura e identidade. Ensaios e artigos dispersos (1950-1990) , edición de Henrique Monteagudo; Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega , de Xesús Alonso Montero; e Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo 1934-1980 , de Miguel Barros.
A estes volumes súmanse as obras xa presentes no catálogo de Galaxia, como A lingua e as linguas , que recolle o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega; a colección de artigos Olladas no futuro ; Un epistolario de Ramón Piñeiro , de Francisco Fernández del Riego; e Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia , do seu grande amigo e colaborador Carlos Casares.
Vida novelada
Edicións Xerais tamén se suma á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación do ensaio de Xosé Ramón Rodríguez Polo Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo (1939-1982) , que xa está á venda nas librerías de Galicia, e a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos , que acaba de saír do prelo.
O estudo de Rodríguez Polo, explica o propio autor, trata de analizar o papel que tiveron Piñeiro e un destacado grupo de galeguistas do seu tempo na preparación da sociedade galega ante a futura chegada da democracia, de forma que todos os galegos, independentemente da súa adscrición ideolóxica concreta, se sentisen integrados no galeguismo. Unha das propostas máis orixinais deste 17 de maio é a edición da novela de Ameixeiro na que, subliñan desde Xerais, o autor homenaxeado volve á posguerra para ir percorrendo, a través das súas palabras, un momento crucial da nosa historia.

No hay comentarios: